No Concello da Laracha celebrouse este xoves unha reunión da comisión de seguimento ante o Covid-19 na que participaron o alcalde -José Manuel López Varela-, os catro edís con áreas de xestión delegadas -José Ramón Martínez, Rocío López, Patricia Bello e Jesús Souto-, o xefe da Policía Local e a secretaria municipal. Na reunión analizáronse diferentes cuestións e medidas a adoptar en cada departamento nos próximos días ante a crise do coronavirus.
No relativo aos tributos municipais, acordouse o aprazamento do cobro do imposto sobre vehículos de tracción mecánica de acordo coa Deputación da Coruña, encargada da xestión da recadación. O período de pagamento voluntario, que por norma xeral se abría en maio, retrasarase nesta anualidade. Estudouse a posibilidade de reducir a parte proporcional da taxa do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos polo tempo que estean parados a aqueles comercios e empresas obrigados a cesar a súa actividade.
Ademais, acordouse instar á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a estudar a posibilidade de propoñer a diminución ou aprazamento no cobro doutros tributos municipais para que ditas medidas poidan tomarse de xeito coordinado en toda Galicia.
A comisión de seguimento tamén analizou a situación coas empresas que teñen a concesión dos servizos municipais que están paralizados.