A Laracha amplía a cobertura da recollida selectiva de residuos


O Concello da Laracha está a ampliar a cobertura do colector amarelo de plásticos e envases nas trece parroquias do termo municipal. En total serán colocados douscentos novos recipientes co propósito de reforzar o servizo na zona rural e levalo a entidades de poboación que carecen del na actualidade. Os primeiros punto de intervención están a ser Vilaño, Cabovilaño e Lestón.

Esta medida supón unha substancial mellora na recollida selectiva das parroquias, xa que chegará á práctica totalidade dos núcleos rurais e permitirá á veciñanza en xeral dispoñer de recipientes próximos ás súas vivendas para desbotar os residuos separándoos para facilitar a súa posterior reciclaxe.

A ampliación da cobertura do colector amarelo, que xa estaba contemplada no novo contrato da recollida de residuos sólidos urbanos adxudicado no pasado mes de xullo, é un factor clave no plan do Concello para mellorar a eficacia do servizo e aumentar o volume de material recollido para a súa posterior reciclaxe. Nese labor é esencial a implicación e compromiso da cidadanía en xeral.

Cabe lembrar que no Concello existen cinco tipo de colectores de residuos sólidos urbanos: o colector xenérico verde, o amarelo de envases, os azuis de papel e cartón, os iglús verdes de vidro e a quinta fracción da recollida selectiva dispoñible nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión e tamén na urbanización Monte Claro. Para o caso das persoas residentes no rural tamén se ofrece a posibilidade de solicitar de balde un composteiro doméstico.