- Haberá 35 novas prazas cun estacionamento limitado a 90 minutos
O Concello da Laracha está a ampliar a zona azul gratuíta no entorno do centro de saúde e do PAC para facilitar o estacionamento aos usuarios desas instalacións. Así, están a ser marcadas con dita cor 35 novas prazas de aparcamento públicas situadas nunha das marxes das rúas Santa Lucía e Suíza e tamén nun sector da rúa Epifanio Campo. Os traballos completaranse coa instalación da sinalización vertical informativa.
A zona azul da Laracha está en vigor de luns a venres (excepto festivos) exclusivamente en horario de mañá, de 9:00 a 15:30 horas. Permite o estacionamento de xeito gratuíto durante un máximo de noventa minutos. Cada condutor debe colocar nun lugar visible do vehículo calquera elemento que permita comprobar a hora de chegada.
A ordenanza municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria establece que están exentos das limitacións da zona azul os automóbiles particulares que dispoñan da tarxeta de mobilidade reducida e tamén os vehículos con licenza municipal para actividades específicas de ocupación de vía, de entidades públicas adscritos á defensa e á seguridade cidadá, de emerxencia e as ambulancias.