42
O Concello da Laracha realizou unha actuación provisional na estrada entre Bos Aires e As Calzadas. Aproveitando as características da plataforma da calzada, levouse a cabo o pavimentado da cuneta, permitindo gañar espazo para ser empregado tanto como zona de estacionamento durante o horario de entrada e saída ao colexio como para facilitar a circulación nesta vía de dobre sentido.
O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, comprobaron persoalmente o resultado da intervención realizada e lembraron que se trata soamente dunha actuación previa á execución do proxecto máis amplo, que se realizará cando o Concello dispoña dos terreos afectados.