A ampliación do punto limpo da Laracha superará os cinco mil metros cadrados


A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de publicar a resolución das axudas a entidades locais para o financiamento de actuacións en materia de recollida de residuos especiais de competencia municipal.

O Concello da Laracha é un dos beneficiarios e percibirá unha subvención de 130.000 euros para a execución do proxecto de ampliación do punto limpo situado no Formigueiro. A intervención promóvese coa finalidade de ofrecer novos servizos á cidadanía dotando ao punto limpo cun maior espazo que permitirá mellorar a xestión e as condicións de almacenamento dos residuos.

Para iso, o Concello ten en proceso de adquisición a parcela colindante, de 5.096 metros cadrados de superficie, que será incorporada e integrada no punto limpo. Unha vez estea acondicionada e dotada con todos os servizos correspondentes, nese novo espazo habilitaranse zonas diferenciadas para o depósito de residuos como plásticos agrícolas, restos de poda, madeira, plástico duro e envases de vidro, así como zonas cubertas para novos contedores e para o acopio de cartón.

Esta liña de axudas da Xunta de Galicia é cofinanciada polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation EU.

O punto limpo é un servizo gratuíto para os usuarios que ofrece a posibilidade de depositar aqueles residuos que, polas súas características específicas (volume, toxicidade, perigosidade, etc) deben recibir un tratamento especial e non poden ser depositados nos colectores de lixo habituais. Actualmente está a disposición de todos os veciños do municipio nestes horarios:

  • Luns: 15:00 a 20:00 h
  • Mércores e venres: 16:00 a 20:00 h
  • Sábados: 9:00 a 14:00 h.

Ademais, desde o punto limpo tamén se ofrece á cidadanía a recollida a domicilio de voluminosos, servizo gratuíto que pode solicitarse vía telefónica no 900701120.