- En total repartiranse 1.390 euros en premios
O Concello da Laracha quere animar á veciñanza de cara ao Entroido, e por iso poñerá en marcha durante esa semana un concurso de disfraces virtual dirixido a todas as persoas empadroadas no municipio. En total repartiranse 1.390 euros en premios.
Haberá tres categorías segundo o número de membros e as idades dos concursantes: individual infantil (ata 12 anos), individual adulto (maiores de 12 anos) e familiar (dous ou máis membros).
En cada categoría están establecidas dúas modalidades de premios: unha decidirase grazas a un xurado nomeado polo Concello que valorará aspectos como a creatividade, a orixinalidade ou a elaboración artesanal; e a outra estará baseada no número de “gústame” que obteña dos usuarios de Facebook.
As persoas interesadas en participar deben cubrir o formulario que estará dispoñible na web municipal a partir deste luns e ata o 15 de febreiro ás 12:00 h. O prazo para votar rematará o 19 de febreiro ás 12:00 horas.
