- Esta liña de axudas require dun acordo entre a compañía e os seus acredores antes do 22 de xuño
O Grupo Celsa, a través da súa filial Celsa Atlantic, conta desde o ano 2007 cunha planta siderúrxica no parque empresarial da Laracha constituíndo un dos motores económicos do termo municipal polo emprego directo e indirecto que xera.
A compañía solicitou beneficiarse do Fondo de Apoio á Solvencia de Empresas Estratéxicas xestionado pola Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (SEPI), que ten por obxectivo achegar apoio público temporal para reforzar a solvencia das empresas non financeiras afectadas pola pandemia do coronavirus. Esta liña de axudas require dun acordo entre a entidade e os seus acredores que debe alcanzarse antes do 22 de xuño e que no momento actual non é posible porque as condicións trasladadas non son viables para Celsa Group.
Ante esta situación, o Concello da Laracha mostra a súa preocupación polo futuro da planta de Celsa Atlantic, o mantemento da actividade e a conservación dos postos de traballo. Neste sentido, o Concello defende que na negociación cos acredores e a SEPI para recibir os fondos de solvencia como empresa estratéxica deben prevalecer «os criterios que sustenten o modelo industrial cunha visión a longo prazo que garanta o emprego directo e indirecto sobre os intereses financeiros curtopracistas».
Así mesmo, desde o goberno local instan aos acredores de Celsa Group a que se sumen aos acordos xa adquiridos entre a compañía e a SEPI para evitar o bloqueo da entrada de financiamento público.