A Laracha aproba bonificar co 95% no ICIO o proxecto do CEIP Otero Pedrayo

1 minutes read

No Pleno extraordinario celebrado este martes acordouse aplicar unha bonificación do 95% na cota do imposto municipal sobre construcións, instalacións e obras (ICIO) e na taxa da licenza urbanística ao proxecto da segunda fase de ampliación do CEIP Otero Pedrayo da Laracha. O alcalde, José Manuel López Varela, explicou que se aboarán únicamente 441 euros en lugar dos máis de 8.800 euros que correspondenrían. Dito incentivo fiscal faise en aplicación do artigo 6 da ordenanza municipal número 17 por tratarse dunha actuación promovida por unha administración pública para a implantación de servizos de interese comunitario.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional investirá medio millón de euros na creación de tres novas aulas de infantil con aseos incorporados e unha superficie total construída de 300 metros cadrados. O módulo terá acceso desde o edificio novo a través dunha galería de paso con paramentos acristalados e cun espazo exterior de xogos cuberto. Ademais, contará con calefacción por chan radiante e con sistema de luminarias led de alta eficiencia enerxética.

Tamén foi aprobada con carácter provisional a modificación da ordenanza fiscal número 14 reguladora da taxa por recollida de lixo. Recentemente o Concello acollérase á bonificación do 10% no canon unitario de tratamento de residuos que Sogama promove para aqueles municipios que impulsen medidas dirixidas a mellorar a recollida selectiva, fomentar a reciclaxe e reducir a produción de lixo convencional. O cambio na ordenanza municipal ten por obxectivo que, nos anos nos que a Xunta de Galicia resolva aplicar dita rebaixa, o Concello poida compensar aos usuarios do servizo cun desconto nos recibos no que se refire ao tratamento de residuos.