A Laracha aproba case 12 M€ de orzamento, o máis alto da súa historia

O Pleno da Corporación municipal, reuniudo este mércores en sesión extraordinaria, aprobou os Orzamentos Xerais para o exercicio 2026, que alcanzan os 11.910.000 euros, converténdose nos máis altos da historia municipal. As contas medran nun 9,47 % con respecto ao ano anterior e, segundo explicou o alcalde, José Manuel López Varela, foron elaboradas “con cautela, cunha previsión á baixa dos ingresos e cunha idea central: o rigor”.

Durante a súa intervención no debate plenario, o rexedor agradeceu o traballo realizado polos servizos económicos municipais e, de maneira especial, polo interventor, destacando que o documento presentado é “un orzamento moi detallado, concreto e axustado á realidade do Concello”.

López Varela subliñou que se trata duns presupostos elaborados con prudencia nun contexto económico complexo, apostando por unha planificación realista das contas públicas. “Somos partidarios de ir por debaixo do que probablemente sexa o orzamento final, e aínda así é o máis alto da historia do Concello ”, indicou.

Neste sentido, defendeu que os orzamentos seguen permitindo avanzar na prestación de servizos e na execución de novas actuacións municipais. “Ano tras ano este Concello segue avanzando, segue creando novos servizos e segue facendo novas obras, e todos os indicadores económicos e sociais son positivos”, afirmou.

Orzamento realista e adaptado á situación actual

O alcalde explicou tamén que a aprobación das contas se produce agora para poder incorporar datos actualizados que afectan de maneira directa ás previsións municipais. Entre eles citou, por exemplo, o novo acordo relativo ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que supón unha modificación nos custos do servizo e un aforro para o Concello de 250.000 euros, ou a necesidade de coñecer con maior precisión o financiamento de actuacións en tramitación.

O orzamento mantén unha estrutura orientada á prestación de servizos públicos e ao investimento municipal. O capítulo de bens correntes e servizos, que garante o funcionamento ordinario do Concello, supera os 7,2 millóns de euros. A investimentos reais en infraestruturas municipais destinaranse máis de un millón de euros (8,5 %), con actuacións destacadas como, entre outras, a construción do novo aparcamento do CEIP Otero Pedrayo, a humanización da Avenida López Astray do núcleo urbano da Laracha, a posta en valor das Torres de Cillobre ou a expropiación dos terreos afectados polo Plan Especial do Igrexario de Lestón e o seu proxecto de urbanización.

Tamén se reforzan as transferencias correntes destinadas ás bolsas de estudos, ás subvencións para entidades culturais, educativas e deportivas e ás comisións de festas de todas as parroquias.

O capítulo de persoal é inicialmente inferior ao do curso anterior ao non estar contemplado o obradoiro de emprego, aínda que o Concello aspira a organizar outro programa desas características co apoio da Xunta de Galicia.

Moderación fiscal

Durante o debate plenario, o rexedor incidiu en que o orzamento mantén a política de moderación fiscal do Concello. “Non subimos impostos. O único que se actualizou foi a taxa da recollida de lixo por imperativo legal, e aínda así seguimos sendo dos concellos máis económicos da contorna”, sinalou. Ademais, anunciou que o Goberno municipal prevé levar a un próximo Pleno a aprobación de bonificacións para reducir o impacto desta actualización.

O alcalde concluíu considerando que estas contas permiten seguir impulsando o desenvolvemento local. “Este orzamento de case 12 millóns de euros é a proba de que o Concello está vivo e ten futuro. Imos seguir investindo en servizos sociais, mellorando infraestruturas e traballando polos nosos veciños”, afirmou antes da votación, na que os grupos municipais do PSOE e do BNG se posicionaron en contra.

Modificación de ordenanzas fiscais

Na mesma sesión plenaria aprobouse, tamén coa negativa dos dous grupos da oposición, a modificación de tres ordenanzas fiscais municipais reguladoras do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) e do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO).

O cambio normativo responde á bonificación máxima das cotas para as empresas que se implanten e xeren emprego no ámbito do parque empresarial, que pasarán do 95 % actual ao 80 %, medida que pretende manter o carácter emprendedor do Concello ao tempo que se reforza a corresponsabilidade fiscal.

Adhesión ao convenio da AGASP para a selección de Policía Local

Por último, aprobouse por unanimidade solicitar a adhesión ao convenio coa Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) para o ano 2026, entidade que asume a convocatoria e o desenvolvemento dos procesos selectivos unitarios para o acceso ás diferentes categorías dos corpos de Policía Local e ás prazas de auxiliares.

O Concello prevé incorporar tres novos policías locais mediante mobilidade, dentro da taxa de reposición permitida, así como catro auxiliares de policía, co obxectivo de reforzar o servizo e mellorar a atención á cidadanía.

O BNG votaba en contra

O grupo municipal do BNG considera que se trata dun “suma e segue” dun proxecto político “esgotado” e “sen criterio político”, que non permite sacar ao municipio da “rutina” e da “falta de ambición” que, segundo denuncian, caracteriza ao executivo desde hai anos.

A portavoz nacionalista, Carolina Castiñeiras, declarou que “non hai excusa para que un goberno municipal con maioría non cumpra coa súa obriga de presentar e aprobar os orzamentos antes de finalizar o ano”. Castiñeiras lembrou que xa no exercicio anterior se aprobaron as contas unha vez iniciado o novo ano, aínda que naquela ocasión o BNG foi “comprensivo” coa explicación do executivo, que argumentou a necesidade de incorporar grandes proxectos como a rehabilitación da Casa Consistorial ou o edificio interxeracional. “Mais este ano non hai nada disto”, sinalou.

Durante a súa intervención no pleno, Castiñeiras asegurou que o documento presentado “é unha proba máis da visión desenfocada, superficial e conformista do Goberno municipal”. “O problema non son as cifras do orzamento, o problema é que vostedes non saben xestionalo. Non revisan, non corrixen e non avalían a inercia das súas políticas, que segue sen ter un rumbo claro”, indicou.

A portavoz do BNG tamén criticou que as contas non contemplen unha planificación clara para igualar os servizos entre as parroquias nin para garantir cuestións básicas como o saneamento integral de todos os núcleos de poboación ou a execución do plan de mobilidade, que —segundo afirmou— “queda en papel mollado”.

Entre os aspectos que o grupo nacionalista considera determinantes para valorar o orzamento está o incremento dos ingresos procedentes da cidadanía. “Este é un presuposto que medra a conta do contribuínte; xa non lles queda nin un só imposto ou taxa por subir”, afirmou Castiñeiras, quen acusou ao Partido Popular de manter un discurso de baixada de impostos mentres, na práctica, “os suben en canto teñen ocasión”. “Mentiron descaradamente no seu programa de goberno sobre este asunto”, engadiu.

Outra das críticas do BNG refírese ao baixo nivel de investimentos, que representan arredor do 8 % do orzamento total. “Isto non se corresponde cun concello que presume de ter as contas saneadas; algo falla”, sinalaron.

Castiñeiras tamén cuestionou a xestión da débeda municipal e o recurso a financiamento para determinadas actuacións. “Pagamos 20.000 euros en xuros dunha débeda que non se debería ter solicitado. O importe da subvención para o arranxo da Casa Consistorial, de case un millón de euros, pareceulles insuficiente e pediron máis; vai esa importante diferenza xustificar unha mellora real no día a día da veciñanza da Laracha? Nós pensamos que non”, afirmou.

A portavoz nacionalista denunciou ademais unha xestión que cualificou de “deficiente”, marcada pola falta de control político e avaliación das políticas públicas. Segundo indicou, o grao de execución do orzamento nos últimos anos situouse por debaixo do 75 % e mesmo se perderon subvencións por falta de planificación.

Outro dos asuntos que o BNG volveu poñer enriba da mesa foi o reparto das achegas ás comisións de festas. Segundo denunciou Castiñeiras, a parroquia de Torás recibe máis fondos que o conxunto das outras doce parroquias xuntas. Ademais, criticou a ausencia dun modelo participativo que permita que estas celebracións transcendan o ámbito parroquial e se conciban como un proxecto para todo o municipio.

En relación co financiamento doutras administracións, Castiñeiras indicou que as achegas da Xunta de Galicia ascenden a 1.878.000 euros e as da Deputación da Coruña a 1.242.000 euros. Con todo, subliñou que unha parte importante dos fondos da Xunta corresponde a partidas destinadas á dependencia e ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), “que son obrigas que deben asumir conxuntamente a Xunta e o Goberno central”. “Vemos unha vez máis que á Laracha non lle benefician en nada os supostos gobernos amigos na Xunta: con amigos así, quen precisa inimigos?”, afirmou.

A líder da oposición tamén repasou o que cualificou de “fracasos” na xestión municipal, denunciando a perda de subvencións da Deputación e a presentación de solicitudes “ao límite do prazo”, como no caso do Plan Único (POS). Segundo explicou, “as obras públicas tardan máis dun ano en comezar desde que se licitan, licítanse xa con atraso e despois eternízanse na execución, e ás veces nin sequera quedan ben”, poñendo como exemplo as pistas polideportivas descubertas de Leborís.

Por este motivo, o BNG considera “un mal menor” que os fondos procedentes do Plan Único da Deputación —de xestión nacionalista no bipartito provincial— se destinasen a gasto corrente. “Polo menos sabemos que eses cartos se investirán no funcionamento diario do concello, xa que se demostra que son incapaces de xestionar un volume de obras por importe dun millón de euros”, afirmou.

En conclusión, Castiñeiras asegurou que “os veciños e veciñas merecen un goberno que estea á altura do que necesitan, un goberno que non bloquee investimentos, que non retarde o concello e que teña ambición por mellorar as cousas”.

Related posts

O Concello de Ponteceso completa a reforma dos camiños de Tella e reforza a protección do polígono fronte aos incendios

O BNG levará a loita contra a macroplanta de biogás de A Laracha a todos os concellos do Anllóns

O PSdeG acusa ao PP e ao goberno galego de “poñerlle alfombra vermella” á planta de biogás de Soandres