A Laracha aproba en Pleno a renovación da composición do comité de irmandamento con Les Sables d´Olonne

2 minutes read
  • Tamén foi aprobada por unanimidade unha moción do PSdeG-PSOE para condear os ataques físicos e verbais a partidos políticos, cargos públicos, profesionais de medios de comunicación, sindicalistas ou membros de ONGs.

A sesión ordinaria do Pleno celebrada este xoves no auditorio da Casa da Cultura da Laracha comezou coa Corporación municipal gardando dous minutos de silencio; un deles, como é habitual nos Plenos ordinarios, en memoria das 27 mulleres vítimas da violencia de xénero no que vai de ano en España; e o outro minuto de silencio foi, en palabras do alcalde, José Manuel López Varela, “polas vítimas inocentes do xenocidio na Franxa de Gaza e Cisxordania”.

Inmersos nos puntos da Orde do Día, aprobouse por unanimidade a renovación dos membros do Comité de Irmandamento co municipio francés de Les Sables d´Olonne que incorpora entidades como o Club Ciclista Laracha, a Asociación Deportiva Downhill Laracha e o club Laracha en Dúas Rodas. Seguirán formando parte del dous concelleiros do grupo de goberno, un concelleiro de cada grupo da oposición, os directores dos catro centros de ensino (IES Agra de Leborís e CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión) e os presidentes das asociacións culturais Santa María de Torás, Queiroga de Paiosaco e Arume de Caión, Club Amigos del Judo, Club Patín Conxuro, Club de Salvamento Acuático Laracha, Club Baloncesto Laracha, Unión Deportiva Paiosaco, Club Xuventude Laracha e Club do Mar de Caión. O alcalde valorou a renovación deste Comité asegurando que “do que se trata é de que sexa o máis plural e representativo posible”.

Tamén se aprobou a Conta Xeral do ano 2024, neste caso coa abstención do grupo do BNG e o voto en contra do grupo municipal socialista. López Varela explicou que “tras cumprirse todos os trámites administrativos, a Conta Xeral remitirase ao Tribunal de Contas”.

Ademais, no Pleno foi aprobada por unanimidade unha moción na que se condenan os ataques aos partidos políticos e ás súas sedes, os dirixidos contra profesionais dos medios de comunicación, ONG’s, sindicatos, Plataformas Cidadás e contra calquer cidadá que participe nos debates públicos e na que se comina ás formacións políticas a non usar mensaxes que promovan o odio cara os adversarios políticos, convidando a traballar a todas as dorzas políticas a expulsar do debate o insulto e o odio en aras de reforzar a convivencia e os valores democráticos.