O Pleno da Corporación municipal aprobou este venres por unanimidade a suspensión cautelar do outorgamento de licenzas de edificación ou actividades destinadas á instalación de plantas de produción de enerxía mediante o tratamento de residuos orgánicos ou similares en solo rústico de todo o termo municipal. A sesión celebrouse no auditorio do Centro Sociocultural de Paiosaco.
A medida terá unha duración inicial dun ano a contar desde a publicación do acordo no Diario Oficial de Galicia (DOG), e poderá prolongarse durante outros dous anos máis, ata un máximo de tres anos.
Este acordo dá continuidade ao tomado anteriormente polo Pleno de iniciar os estudos e trámites necesarios para modificar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co propósito de prohibir ou restrinxir a implantación de plantas ou industrias de xestión de residuos, produción de biogás ou similares en solo rústico, especialmente cando poidan afectar núcleos de poboación ou bens do patrimonio cultural.
A suspensión cautelar aprobada hoxe supón un novo paso nesa liña de actuación e establece unha medida preventiva de ámbito municipal mentres se desenvolve o traballo de modificación do planeamento urbanístico.
Posición contraria á planta de Soandres desde o primeiro momento
Desde que se tivo coñecemento da iniciativa da planta de biogás de Soandres, o Concello, de xeito unánime, expresou o seu rexeitamento ao proxecto e foi adoptando todas as medidas que estaban ao seu alcance, dentro das competencias municipais e de acordo cos criterios e conclusións dos informes técnicos, xurídicos e urbanísticos.
Neste sentido, é preciso aclarar que, a día de hoxe, non se presentou no Concello da Laracha ningún proxecto para solicitar a correspondente licenza municipal. A única constancia administrativa existente é a documentación relativa á iniciativa presentada ante a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia para a súa avaliación ambiental.
Os socialistas consideran que a situación xerada arredor deste proxecto esixe explicacións
O PSdeG-PSOE participou este sábado na manifestación convocada pola plataforma cidadá Biogás na Laracha NON en defensa do río Anllóns e contra a instalación dunha planta de biogás no municipio. Os socialistas trasladaron o seu apoio ás reivindicacións veciñais e criticaron a falta de transparencia que atribúen ao alcalde, José Manuel López Varela, na xestión deste proxecto.
Na mobilización participaron Obdulia Taboadela, cabeza de lista socialista ao Congreso; Inés Ramos, voceira do PSOE da Laracha e candidata suplente ao Congreso; José Manuel Pérez Abelenda, voceiro socialista de Coristanco; e Patricia Iglesias, deputada autonómica, xunto con outros representantes e cargos públicos do partido.
Os socialistas consideran que a situación xerada arredor deste proxecto esixe explicacións por parte do goberno municipal e da Xunta de Galicia, así como unha maior participación da veciñanza nas decisións que afectan ao futuro do territorio.
«Estamos ante unha situación extrema para A Laracha e para todos os seus veciños e veciñas. Estamos xogando co futuro da nosa xente e co das próximas xeracións», denunciaron durante a concentración.
Neste sentido, os representantes do PSdeG acusaron ó alcalde de coñecer desde a pasada lexislatura o interese por instalar unha planta de biogás no municipio sen trasladar esta información á cidadanía.
«O señor López Varela sabía desde a pasada lexislatura que esta planta de biogás estaba prevista para A Laracha e decidiu calar e non falar cos seus veciños e veciñas. Comportouse como un mal veciño, e alguén que non é un bo veciño non pode ser un bo alcalde», afirmou Inés Ramos, recuperando unha crítica xa expresada durante un pleno extraordinario celebrado no municipio.
Pola súa banda, Obdulia Taboadela defendeu a importancia da transición enerxética e das enerxías renovables, pero advertiu de que estes procesos deben desenvolverse respectando o territorio e escoitando as persoas directamente afectadas.
«Estamos hoxe na manifestación da Laracha contra a planta de biogás prevista pola Xunta de Galicia para denunciar que non se poden facer políticas en contra da veciñanza», sinalou.
A candidata socialista subliñou que a transformación do modelo enerxético debe ser compatible coa protección ambiental e coa participación cidadá nas decisións que afectan aos municipios.
«A transición enerxética e as enerxías renovables teñen que ser fundamentais no noso modelo de futuro, pero non se poden desenvolver de calquera maneira. A transición ten que ser xusta ou non será», afirmou Taboadela.
Os socialistas insistiron en que calquera proxecto destas características debe ter en conta as preocupacións da poboación e as posibles consecuencias para a contorna natural, especialmente nun territorio no que a protección do río Anllóns é unha das principais reivindicacións da plataforma convocante.
«Non podemos comprometer o futuro dos nosos concellos nin o das xeracións que están por vir. A transición enerxética debe avanzar da man da cidadanía e non de costas ás súas necesidades e preocupacións», concluíron os representantes socialistas.
