A Laracha aproba o Plan especial de urbanización do entorno da igrexa parroquial de Léstón

Na Xunta de Goberno Local celebrada este mércores foi aprobado con carácter provisional o Plan especial de infraestruturas e dotacións necesario para a futura urbanización do entorno da igrexa parroquial de San Martiño de Lestón.

O Concello dá un paso máis na tramitación urbanística, que requiriu dos informes sectoriais da Delegación do Goberno, Ministerio de Industria, Energía e Turismo, Augas de Galicia e das Direccións xerais de Patrimonio Cultural, Planificación Enerxética e Minas e Ordenación do Territorio e Urbanismo.

A ampla e completa actuación proxectada ten por finalidade a creación xunto á igrexa de Lestón dun espazo que, polas súas características e equipamentos, fará a dobre función de praza pública e zona de aparcamento con capacidade para sesenta turismos e tamén autobuses. Para unha mellor integración no entorno, prevese a colocación dun pavimento de celosía de formigón que permita o crecemento do céspede e a circulación dos vehículos para o seu estacionamento.

O ámbito contará con franxas vexetais que actúen como elementos de transición entre os diferentes espazos e cunha nova rede de iluminación pública en báculos. Tamén se contempla tanto a mellora da accesibilidade peonil cara o adro e o cemiterio como das conexións viarias, enlazando as dúas estradas que conflúen no Igrexario de Lestón e o comunican coa AC-552 á altura, por un lado, das Rañeiras e, polo outro, de Fofelle.

Ademais, o Plan Especial prevé a cualificación axeitada do solo contiguo ao cemiterio para posibilitar, se fose necesario nun futuro, a súa ampliación.

Trala aprobación provisional, o documento será elevado ao Pleno para a súa aprobación definitiva, momento no que o Concello estará en disposición de iniciar o procedemento de expropiación dos terreos delimitados no ámbito do Plan especial, que alcanzan unha superficie de 3.015 metros cadrados repartidos actualmente en catro parcelas catastrais.

Este proxecto significará unha mellora substancial dos equipamentos, a accesibilidade e a rede viaria no que é un dos puntos de encontro de referencia para a parroquia de Lestón.

Related posts

CCA Carballo | Tras o éxito da primeira xornada, este venres chega a segunda cita de ‘A voltas co cole’

Culminada a renovación integral da travesía de Ponte do Porto, entre Camariñas e Vimianzo

O IES Maximino Romero de Lema de Baio acollerá o 29 de setembro unha charla coa escritora Ledicia Costas