As Torres de Cillobre conforman un dos símbolos do Concello ao aparecer representadas no escudo municipal, o que pon de manifesto a súa relevancia histórica en especial durante a época feudal, na que pertenceron a familias nobres. A día de hoxe aínda se conserva unha parte do muro perimetral e a vivenda da torre.
O proxecto de expropiación inclúe catro parcelas catastrais que suman unha superficie total de 2.655 metros cadrados. O investimento alcanzará os 54.000 euros, que o Concello asumirá integramente con fondos municipais.
A adquisición deste destacado elemento histórico é unha antiga aspiración do goberno local, que xa incluíra as Torres de Cillobre no Plan Especial de Patrimonio Cultural co obxectivo de garantir a súa máxima protección. Unha vez completada a expropiación e sexan un ben de titularidade pública, as Torres de Cillobre poderán ser obxecto de proxectos e iniciativas para a súa restauración e posta en valor.
Así, o Concello continua apostando por recuperar o patrimonio histórico municipal, do mesmo xeito que se está a facer co Castro de Montes Claros e co menhir de Erboedo, que desde hai anos xa son de titularidade pública.