A Laracha aproba o proxecto de expropiación dos terreos para ampliar unha vía en Montemaior

1 minutes read

Na Xunta de Goberno Local celebrada este venres acordouse aprobar con carácter inicial o proxecto de expropiación dos terreos afectados pola ampliación da estrada da parroquia de Montemaior que comunica a vía provincial DP-2404 con Santa Margarita pasando polos núcleos de A Baiuca, Goexe, O Sopé e Propeste.

O Concello investirá de 62.600 euros na adquisición dun total de sesenta e cinco parcelas catastrais cualificadas no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) como solo rústico e solo de núcleo rural tradicional e que están afectadas por esta actuación de mellora da rede viaria.

Continuando cos trámites administrativos, este acordo será publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) e estará un mes en exposición pública antes de elevarse a definitiva a aprobación do proxecto de expropiación. Así mesmo, notificarase aos propietarios e abrirase o período de alegacións ao xustiprezo.

Dispoñer destes terreos é condición necesaria para poder levar a cabo o proxecto de mellora da citada estrada de Montemaior, unha actuación valorada en aproximadamente 300.000 euros e que dará continuidade ás realizadas nos últimos anos noutros tramos da mesma vía, significando unha mellora substancial das comunicacións viarias nesa parte da parroquia.