A Laracha aproba un suplemento de crédito de 914.000 euros e a adhesión á estratexia de promoción da saúde

2 minutes read

O Pleno, reunido este xoves en sesión extraordinaria, aprobou a modificación de crédito número 22/2026, na modalidade de suplemento de crédito, por un importe de 914.074,40 euros a financiar con cargo ao remanente de tesourería. O acordo saíu adiante coa única abstención dos dous concelleiros do grupo socialista.

A incorporación destes recursos ao orzamento permitirá reforzar distintas partidas municipais e avanzar na execución novos investimentos en instalacións deportivas e culturais, patrimonio municipal, alumeado público, rede viaria e parques e xardíns.

Entre as actuacións previstas figuran a reforma da cuberta e das bancadas do pavillón polideportivo de Paiosaco, a rehabilitación do Centro Sociocultural do Rapadoiro (parroquia de Coiro) e diversas melloras na iluminación pública, incluíndo a substitución de de determinados puntos de luz actuais por novas luminarias LED máis eficientes.

O alcalde, José Manuel López Varela, destacou que esta nova modificación permite continuar aproveitando os recursos económicos dispoñibles para atender necesidades do municipio. Neste sentido, sinalou que entre este suplemento e o aprobado recentemente no anterior Pleno xa se están mobilizando arredor de dous millóns de euros para investimentos. “Todo o que poidamos incorporar do remanente ao orzamento para investimentos, imos facelo”, adiantou o rexedor.

O Pleno tamén aprobou, neste caso por unanimidade dos tres grupos, a adhesión do Concello á Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde (SNS).

Trátase dun novo paso que dá o Concello no ámbito da promoción da saúde e do benestar da veciñanza. A adhesión dá continuidade á incorporación, aprobada o pasado mes de xaneiro, á Rede Española de Cidades Saudables e permitirá á Laracha participar en novas iniciativas e acceder a liñas de axudas vinculadas a esta estratexia.

A concelleira de Servizos Sociais e Sanidade, Rocío López, explicou que a adhesión á Estratexia constitúe un dos requisitos para poder acceder a determinadas axudas promovidas pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Ministerio de Sanidade. Neste sentido informou de que o Concello conta xa cunha resolución provisional dunha axuda de 18.000 euros.

Entre as actuacións que se prevé desenvolver con este apoio figura o mapeo dos servizos e recursos relacionados coa saúde existentes no municipio co obxectivo de coñecer e ordenar os recursos dispoñibles e facilitar o acceso da cidadanía aos mesmos. A edil tamén destacou que esta nova liña de traballo estará relacionada con outras iniciativas que o Concello xa vén desenvolvendo, entre elas as orientadas á prevención da soidade non desexada.

O alcalde puxo en valor que a adhesión non constitúe unicamente un acordo formal, senón que permitirá seguir avanzando en actuacións concretas, reforzar varias actividades que temos en marcha e incorporar outras novas para consolidar así a aposta municipal pola promoción da saúde, a prevención e o benestar da veciñanza.