A Laracha | Aprobado por unanimidade o Pacto das Alcaldías para o clima e a enerxía

O Pleno ordinario celebrado este venres no Concello da Laracha aprobou de xeito unánime o Plan de acción municipal no que se detallan as iniciativas a levar a cabo nos próximos anos para acadar os obxectivos do Pacto das Alcaldías para o clima e a enerxía que impulsa a Unión Europea e ao que está adherido o Concello da Laracha.

O documento aprobado presenta dúas partes diferenciadas. Por un lado está o Plan de Acción para a enerxía sostible, que ten como obxectivo a descarbonización do territorio municipal reducindo as emisións de gases de efecto invernadoiro nun 40% para o ano 2030 e colocar ao Concello na senda de alcanzar a neutralidade climática en 2050. As iniciativas están centradas no fomento das enerxías renovables, a mobilidade sostible, o aumento da eficiencia enerxética en edificios, instalacións e equipamentos públicos e a información e concienciación dos empregados públicos e da cidadanía en xeral.

A segunda parte do plan de acción refírese á adaptación ao cambio climático e foi definida a partir dunha avaliación de riscos, vulnerabilidades e fortalezas. Para facer fonte aos impactos que poida provocar o clima, prográmanse unha serie de accións que farán da Laracha un municipio menos vulnerable no futuro.

O Plan tamén aborda o reto da dar unha axeitada resposta á pobreza enerxética, con tres accións previstas centradas na organización interna municipal, comunicación e participación, e concienciación e sensibilización.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha