A Laracha aprobou en Pleno convenios co IGVS para mellorar os accesos e a seguridade na zona do CEIP Otero Pedrayo

3 minutes read

O Pleno aprobou por unanimidade dos tres grupos municipais todos os asuntos incluídos na Orde do Día da sesión extraordinaria celebrada hoxe, entre os que destaca a formalización dos convenios de colaboración co Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para financiar dúas importantes actuacións de mellora dos accesos ao CEIP Otero Pedrayo e o seu entorno.

Os acordos permitirán ao Concello dispoñer de 641.808,61 euros mediante dous préstamos sen xuros, que se devolverán nun prazo de oito anos, para destinalos ao financiamento de dous proxectos que presentan un obxectivo común: mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria e peonil nas inmediacións do centro educativo.

Por unha banda, financiarase a achega municipal para o proxecto de acondicionamento do entorno do CEIP Otero Pedrayo, que contempla a creación dunha nova entrada principal e dun espazo de aparcamento que permitirá organizar mellor os accesos e facilitar as manobras e a parada dos autobuses escolares e dos vehículos particulares.

O outro proxecto consiste na mellora integral da rúa José Añón, que constitúe unha das principais vías de comunicación co colexio ao conectar a estrada AC-552 coa avenida Bos Aires. A actuación permitirá construír novas beirarrúas e completar o itinerario peonil mediante a creación dunha senda por unha das marxes en todo o trazado da rúa. Tamén contempla habilitar máis espazos de aparcamento, iluminación pública, recollida de pluviais, mobiliario urbano, aparcabicicletas  e a preinstalación do futuro punto de carga para vehículos eléctricos. En conxunto, ambas intervencións permitirán reorganizar os accesos ao CEIP Otero Pedrayo, mellorar as condicións de circulación e estacionamento e ofrecer itinerarios peonís máis cómodos e seguros para o alumnado, as familias e o conxunto da veciñanza.

O Pleno tamén aprobou a participación do Concello na primeira fase do POS+ Adicional 4/2026 da Deputación da Coruña, cunha achega de 369.856,72 euros que será destinada a gasto corrente. O alcalde, José Manuel López Varela, explicou que estes fondos permitirán reforzar as partidas necesarias para atender diferentes necesidades dos departamentos municipais, incluídas actuacións en obras, traballos e servizos técnicos. Así mesmo, sinalou que se optou por destinar integramente esa cantidade a gasto corrente por tratarse dunha fórmula que facilita dispoñer dos recursos con maior axilidade fronte aos prazos que pode requirir a preparación, revisión e tramitación de novos proxectos de investimento.

Outro dos acordos foi a adhesión do municipio á Rede de Concellos Contra o Cancro, impulsada pola Asociación Española Contra el Cáncer (AECC) a través da súa Xunta Provincial da Coruña. A iniciativa busca reforzar a colaboración entre o Concello e a entidade para promover hábitos de vida saudables, impulsar contornas libres de fume, facilitar información e orientación ás persoas afectadas polo cancro e ás súas familias e fomentar a participación social e o voluntariado. O alcalde puxo en valor o traballo que se desenvolve desde a administración local neste eido, considerando importante que o Concello colabore e apoie as iniciativas dunha asociación que traballa nun ámbito tan complexo como o da loita contra o cancro.

Por último, aprobouse a Declaración Institucional con motivo do Día Mundial da Infancia, que se conmemora o 20 de novembro. A iniciativa promóvese en colaboración con UNICEF, no marco do compromiso do Concello da Laracha coa defensa dos dereitos da infancia recoñecido coa concesión do distintivo de Cidade Amiga da Infancia.

O alcalde concluíu a sesión avanzando á Corporación municipal a celebración dun novo Pleno extraordinario o martes da semana que vén para sortear as mesas electorais para as Eleccións Xerais do 29 de novembro.

A sesión plenaria comezou cun minuto de silencio gardado en memoria das vítimas do accidente ferroviario de Toledo.