A Laracha aprobou en Pleno por unanimidade o destino dos fondos do POS+2024

2 minutes read

O Pleno, reunido este xoves en sesión extraordinaria, acordou aprobar por unanimidade a proposta do goberno local para destinar os fondos do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan Único Concellos) POS+2024.

Con cargo a este programa impulsado pola Deputación da Coruña o Concello percibirá un total de 747.588,46 euros que serán repartidos en tres áreas de actuación diferentes para o financiamento de investimentos en infraestruturas municipais, gasto corrente e gastos sociais extraordinarios.

A actuacións de investimento destinaranse 279.316,80 euros con proxectos dirixidos á mellora da rede viaria municipal. A intervención máis ampla localízase en Montemaior, onde se contemplan obras no núcleo de San Fins -incluíndo o acondicionamento dos sobreanchos e a mellora de rede de pluviais- e en Sabaceda.

Tamén está proxectada a ampliación da anchura da calzada en A Pedra de Coiro, ademais de actuacións de mellora da superficie de rodadura en A Lourenceira.

En Golmar intervirase na renovación do pavimento no núcleo de A Pedra, idénticas actuacións que se realizarán nos lugares de O Corgo de Abaixo, A Millarada e A Tapia, da parroquia de Soandres, e en Proame, de Lemaio.

Ademais, tamén quedou definido o  Plan Complementario, que ten natureza de reserva e a súa finalidade é poder investir os créditos resultantes no caso de que se acordase unha maior achega para o POS+ ao longo do exercicio 2024. Neste caso o orzamento alcanza os 227.122,91 euros e prevé actuacións nas parroquias de Cabovilaño (Padronelo, incluíndo o sobreancho e a mellora na rede de pluviais), Lendo (estrada que comunica O Campo da Porta con Lexas e ata A Torre) e Soandres (núcleos de O Priorato, As Senras e Encián).

A partida para gasto corrente ascende a 360.171,66 euros, permitindo liberar fondos municipais para poder dispoñer deles para outras finalidades cunha maior axilidade nos trámites administrativos das requiridas polo POS+.

Por último, coa achega do POS+ Adicional de 108.100 euros financiaranse gastos sociais extraordinarios que asumirá o Concello ao longo deste ano. Entre eles destacan a adquisición dun vehículo que estará a disposición do persoal adscrito ao departamento de Servizos Sociais e o reforzo das partidas de medidas sociais para atender ás unidades de convivencia en risco de exclusión social e a persoas especialmente vulnerables, ademais de dispoñer de fondos para o alugamento de equipamento técnico asistencial para persoas con déficit grave de recursos económicos.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?