A Laracha arranca este domingo a súa gran programación polo Día das Letras Galegas

2 minutes read
  • Actuacións musicais, de baile tradicional, espectáculos de contacontos ou un concurso de marcapáxinas marcan as actividades

Co 17 de maio, Día das Letras Galegas, ás portas, no Concello da Laracha teñen todo listo para arrancar a súa gran programación en torno á figura do valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, poeta homenaxeado este ano.

Unha programación ampla e dirixida a todos os públicos que arrincará este domingo 15 con música e baile grazas ás actuacións das asociacións culturais Santa María de Torás, Queiroga de Paiosaco e Arume de Caión. Será na praza Olonne sur Mer da Laracha a partir das 18:00 horas.

O luns 16, no mesmo lugar pero ás 22:00 horas, actuará Sheila Patricia, artista emerxente que presentará por primeira vez en concerto o seu novo disco Orixe, no que fusiona tradición e modernidade a través de ritmos e sons de todo o mundo. Este álbum inclúe dous temas con protagonismo para o municipio larachés como son Canto de Caión e Maneo de Caión.

Espectáculos para público infantil e familiar

As propostas culturais dirixidas a este público tamén terán unha presenza destacada na programación municipal polo Día das Letras Galegas. Desenvolveranse tanto na Laracha, coma en Caión e Paiosaco. As representacións comezarán ás 18:00 horas e a entrada será libre e gratuíta.

A primeira cita será o luns 16 na Casa da Cultura da Laracha co espectáculo Brincadeiras da lingua, de Migallas Teatro. O mércores 18 a biblioteca de Paiosaco acollerá o contacontos Rosa Caramelo e outras historias, a cargo de Talía Teatro, e o xoves 19 será o turno do artista Magín Blanco co seu contacontos musical O que levamos nas maletas. Terá lugar no centro sociocomunitario de Caión.

Concurso de marcapáxinas

Segue aberto o prazo, ata o día 18, para participar na segunda edición do concurso de marcapáxinas dirixido ao alumnado de Educación Primaria. As elaboracións poden presentarse en calquera das bibliotecas municipais (A Laracha, Paiosaco e Caión). Están establecidas dúas categorías de premios, sendo a primeira para o alumnado de 1º, 2º e 3º de primaria, e a segunda, para os de 4º, 5º e 6º de primaria. En cada categoría haberá dous galardóns compostos por lotes de libros ou material didáctico e educativo adaptado ás idades dos gañadores. Ademais, os dous traballos de cada categoría mellor valorados polo xurado serán editados polo Concello e distribuídos como os marcapáxinas oficiais da rede de bibliotecas municipais. As bases poden consultarse na web municipal.

Para a organización do programa o Concello conta coa colaboración da Xunta de Galicia, dentro da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, a través do programa Ler conta moito.