A Laracha | Arrincan as xornadas técnicas sobre a horta e a comercialización dos produtos

PIXABAY

  • A inscrición pode formalizarse na Casa da Cultura antes do inicio da actividade

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, desenvolverá este xoves e venres unhas xornadas técnicas sobre a horta na Casa da Cultura da Laracha. O municipio foi un dos escollidos para a celebración destas actividades por ser unha das «principais zonas deste tipo de produción», afirman desde o Concello, que tamén colabora nesta iniciativa.

O obxectivo é dar a coñecer as posibilidades existentes para comercializar produtos agroalimentarios e concienciar aos participantes sobre a importancia de producir no marco da calidade diferenciada. Tamén se abordarán outras cuestións relevantes como coñecer experiencias de certificación das producións da horta a nivel estatal, que instrumentos normativos dispoñen para promovela e cal é o impacto dos selos de calidade diferenciada de horta nos mercados.

As xornadas compleméntanse con aspectos máis técnicos relacionados coa saúde dos solos, co emprego sustentable de produtos fitosanitarios e co control das pragas e enfermidades que afectan ás producións hortícolas.

As persoas que desexen participar como asistentes poden facelo de xeito gratuíto inscribíndose directamente na propia Casa da Cultura antes do inicio da actividade. O programa do xoves desenvolverase de 10:00 a 18:30 horas, mentres que o venres comezará unha hora antes prolongándose ata as 20:30 horas.

Estas xornadas técnicas son unha acción organizada dentro do plan de formación continua agroforestal da Consellería do Medio Rural, cofinanciado con fondos FEADER ao 75%.