A Laracha aumenta ata 45 o número de usuarios do programa Xantar na Casa

1 minutes read
  • Na Xunta de Goberno Local tamén se acordou presentar á Consellería de Política Social o proxecto anual de servizos sociais comunitarios

Na Xunta de Goberno Local celebrada este xoves na Laracha aprobouse a incorporación dunha addenda ao convenio de colaboración entre o Concello e a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia para aumentar o número de persoas usuarias do programa Xantar na Casa no municipio larachés en 10 prazas máis, chegando así a un total de 45.

A finalidade desta iniciativa é garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades de cada un dos usuarios, que deben ser persoas maiores de 60 anos que teñan limitada a súa capacidade de autonomía persoal e que carezan de apoios que puideran suplir tal situación, ou unha persoa de calquer idade que sexa dependente e non teña apoio familiar para a preparación dos alimentos.

A través deste programa os usuarios reciben os alimentos nos seus domicilios unha vez por semana e, no caso de que non dispoñan deles, tamén se lles facilitarán os medios (microondas e neveira) para poder preparalos cada día dun xeito cómodo e sinxelo.

O servizo é prestado pola Xunta de Galicia a través do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar, sendo subvencionado pola Consellería de Política Social e tamén polo Concello da Laracha. Aquelas persoas interesadas poden solicitar o servizo chamando ao 981612811.

Servizos sociais comunitarios e licenzas urbanísticas
Na Xunta de Goberno tamén se acordou presentar á Consellería de Política Social o proxecto anual de servizos sociais municipais –valorado en 608.541 euros- para solicitar a achega económica para o seu cofinanciamento.

Ademais, concedéronse cinco licencias urbanísticas das cales dúas foron para a construción de vivendas unifamiliares nos núcleos de Xeriz (parroquia de Cabovilaño) e A Gándara (parroquia de Torás).