A Mesa de Contratación reuniuse este mércores para proceder á apertura de plicas e clasificación das nove ofertas presentadas na licitación aberta para a adxudicación da execución do proxecto de mellora das infraestruturas viarias do parque empresarial, actuación coa que van facilitar os accesos principais na zona sur pola estrada AC-552 e a autoestrada AG-55, ambas directamente conectadas co ámbito industrial.
Nos próximos días prevese que a intervención sexa adxudicada a Excavaciones y Obras Candal S.L. polo órgano competente, a Xunta de Goberno Local, por tratarse da licitadora que presentou a mellor proposta segundo os criterios de valoración establecidos nos pregos do procedemento.
O proxecto inclúe catro puntos de intervencións diferenciados. Tres afectan a tramos de calzada, situándose un entre as glorietas da AC-552 e a do acceso principal ao parque empresarial; outro no sector que discorre fronte ao viveiro de empresas; e os dous últimos son a propia rotonda que está a continuación e o seguinte tramo de vía en dirección Lendo e por diante da siderurxia.
En total son preto de 800 metros lineais de calzada os afectados, nos que se vai renovar a superficie de rodadura co fresado do firme e a extensión dunha capa de aglomerado asfáltico en quente. Tamén será mellorada a rede de recollida de pluviais para evitar riscos de que a auga de choiva invada a plataforma da calzada. Por último, inclúese a sinalización horizontal e vertical nos tramos afectados.
Estas actuacións son consideradas polo Concello como necesarias ante as deterioracións causadas na superficie de rodadura polo paso continuo de vehículos de alta tonelaxe e maquinaria pesada cara a zona empresarial. A renovación do firme pretende aumentar o confort do tráfico rodado e aumentar a seguridade viaria.
O proxecto está valorado en máis de 145.000 euros e será cofinanciado entre o Concello e a Consellería de Economía e Industria ao abeiro da convocatoria de axudas encamiñadas á rehabilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais.