No referido á eficiencia enerxética son dous dos proxectos impulsados co apoio do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE). Trátase da substitución das 1.397 luminarias do alumeado público nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión e tamén as existentes no entorno do parque empresarial. Trala clasificación das ofertas presentadas, a Mesa de Contratación estudou este venres as baixas temerarias e nos próximos días procederase á adxudicación de ambos contratos. Cabe lembrar que o Concello xa ten adxudicado o reemprazo das luminarias nos núcleos rurais e está pendente de completarse a contratación dos proxectos que afectan ás instalacións e edificios municipais. En total serán investidos 1,2 millóns de euros para reducir o consumo eléctrico e favorecer o paso a unha economía baixa en carbono.
A Mesa de Contratación tamén estudou as baixas temerarias das ofertas presentadas no procedemento para adxudicar os contratos de mellora da rede viaria en varios puntos do municipio como as rúas Barreira, Blanco Amor, Cabana de Bergantiños e Ponteceso (todas núcleo urbano de Paiosaco), a renovación do pavimento e a correspondente sinalización entre a rúa Feal e o núcleo de Lestón (parroquia de Lestón) e a mellora da capa de rodadura en estradas dos núcleos de A Barreira, Riotorto, O Castro, Os Castros e Gabenlle (parroquia de Torás). En total estes tres proxectos están valorados en preto de 215.000 euros e tamén serán adxudicados nos próximos días.
Por último, a Mesa de Contratación procedeu á apertura das plicas coas 47 ofertas económicas das empresas que optan á adxudicación doutros tres proxectos de mellora da rede viaria que suman un investimento total de 262.000 euros. Son os referidos á mellora das rúas Arxentina, Bos Aires e Santiago (todas elas en A Laracha), á renovación de estradas rurais nas parroquias de Caión (núcleo de A Pedreira), Torás (A Gándara) e Soandres (Santa Baia) e á mellora da sinalización horizontal e vertical en preto de 85 quilómetros da rede viaria para reforzar a seguridade.
41