Nos próximos días convocarase unha reunión da Mesa de Contratación para clasificar as ofertas presentadas polas empresas que concorreron ao concurso.
A intervención é promovida coa finalidade de renovar e modernizar os equipamentos e facelos máis atractivos, cómodos e seguros para os seus usuarios.
O Concello iniciou o procedemento coa elaboración dunha auditoría para coñecer o estado actual dos dezanove parques infantís existentes no termo municipal, determinar as necesidades que presenta cada un deles e en cales é prioritario actuar. En base a dita auditoría, redactouse o proxecto, valorado en máis de 50.000 euros, que inclúe intervencións en cinco localizacións diferentes: tres delas no núcleo urbano da Laracha (parques infantís da Praza do Concello, da praza O Recreo e do parque Maximino Canedo), unha en Caión (A Insua, xunto ao colexio) e outra no Cruceiro de Lendo, a carón do centro sociocultural desa parroquia.
En todos os casos contémplase a reparación e renovación dos xogos e a substitución do actual pavimento de lousas de caucho por outro continuo de absorción de choques para mitigar o impacto ante posibles caídas dos nenos.
O proxecto será cofinanciado pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental.