A Laracha avanza no proxecto de rehabilitación integral do Edificio de Servizos Múltiples

C.L.

A mesa de contratación reuniuse este mércores para proceder á apertura de plicas coas ofertas técnicas presentadas polas catro empresas licitadoras que optan a executar o proxecto de rehabilitación integral do Edificio de Servizos Múltiples da Laracha. Nos próximos días este mesmo órgano municipal volverase reunir para clasificar as ofertas económicas e, a continuación, será a Xunta de Goberno Local o órgano competente para facer efectiva a adxudicación.

Servizos Múltiples está situado na céntrica avenida Doutor López Astray da capital municipal. Vai ser transformado nunha instalación moderna, multifuncional, inclusiva e atractiva para persoas de todas as idades e será rebautizado como Edificio Interxeracional, xa que se fará mediante unha intervención arquitectónica e social enfocada a crear espazos nos que poidan convivir cidadáns de xeracións distintas (nenos, mozos, adultos e persoas maiores) para fomentar a interacción, o apoio mutuo e o sentido de comunidade.

O inmoble consta de soto, planta baixa e tres plantas. O proxecto prevé unha redistribución dos espazos para optimizalos, incrementar as superficies e favorecer a accesibilidade para persoas que presenten dificultades físicas ou cognitivas.

As principais novidades serán a creación de aulas dixitais nas que ofrecer á cidadanía novas oportunidades formativas e de ocio e espazos dirixidos especificamente a acoller actividades xuvenís de diversa índole.

Gran parte do investimento irá dirixido a medidas relacionadas coa eficiencia enerxética, tales como a renovación da envolvente e dos sistemas de calefacción e ventilación. O Edificio Interxeracional tamén será dotado cun sistema de captación de enerxía solar fotovoltaica para o autoconsumo eléctrico.

O orzamento máximo de licitación é de 1.090.098,05 euros. A intervención será financiada polo Instituto para la Transición Justa ao abeiro da convocatoria de axudas dirixidas a proxectos e infraestruturas ambientais, sociais e dixitais no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia a financiar cos fondos europeos Next Generation.

Related posts

O presidente da Xunta participou no Interreg Cooperation Day 2025, celebrado este venres no Miradoiro de Fisterra

Carballo impulsa o programa C4S para fortalecer os negocios turísticos locais

A Xunta avalía os dous últimos proxectos desenvolvidos polo GALP Costa da Morte