A Laracha avanza no subministro dun vehículo pick-up e na reforma integral da cuberta da piscina

2 minutes read

A Mesa de Contratación reuniuse para avanzar no procedemento das dúas licitacións abertas para a adxudicación do subministro dun vehículo tipo pick-up e a execución do proxecto de reforma integral da cuberta do complexo deportivo da piscina municipal.

O procedemento máis avanzado é o referido á adquisición do vehículo tipo pick-up, que será 100 % eléctrico e contará cunha caixa fixa, guindastre autocargante e módulo específico que lle permitirá funcionar como punto limpo móbil. A Mesa de Contratación cualificou a única oferta presentada, que foi a de Vehículos, Equipamientos y Carrocerías Prieto-Puga S.L., e agárdase que o contrato sexa adxudicado nos próximos días pola Xunta de Goberno Local, que é o órgano municipal competente.

O investimento de 82.000 euros que suporá a adquisición do vehículo será cofinanciado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ao abeiro do programa de axudas para actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas con fondos da Unión Europea-Next Generation.

Este novo vehículo poderase desprazar polas trece parroquias co obxectivo de complementar os servizos que se ofrecen no punto limpo e achegalos de xeito itinerante a todos os núcleos de poboación do termo municipal, o que implicará unha significativa mellora e modernización na xestión dos residuos e, por tanto, maior eficiencia e eficacia no aspecto medioambiental.

En canto á reforma integral da cuberta do complexo deportivo da piscina municipal, na reunión da Mesa de Contratación procedeuse á apertura do sobre B coa oferta técnica da única empresa licitadora, que foi Construcciones López Cao S.L. Nos próximos días este mesmo órgano municipal volverase reunir para abrir a plica coa oferta económica.

Neste caso, o orzamento máximo é de 214.697,22 euros que investirá o Concello ante a necesidade de mellorar a impermeabilización e a eficiencia enerxética das instalacións para ofrecer un mellor confort aos usuarios. A cuberta presenta deterioracións que están a provocar estancamentos da auga de chuvia, o que incrementa o risco de filtracións. Tamén se detectou a degradación da membrana impermeable, que non está a ofrecer de xeito óptimo a súa función protectora. Para corrixilo, o proxecto contempla a retirada de todas as capas da cuberta existente e a construción dunha nova con garantías de durabilidade e seguridade. Tamén inclúe a mellora do illamento dos falsos teitos no interior do complexo deportivo co obxectivo de optimizar a eficiencia enerxética e o confort térmico do recinto.

Ademais, a nova estrutura quedará preparada con soportes específicos que permitirán o ancoraxe dunha futura instalación solar fotovoltaica, proxecto que se executará nunha fase posterior cun investimento estimado doutros 100.000 euros.