A Laracha | Avanzan as obras de mellora da accesibilidade na área recreativa de Gabenlle


Co propósito de dar un novo impulso á área recreativa de Gabenlle, o Concello da Laracha, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, está a levar a cabo o proxecto de rehabilitación e mellora da súa accesibilidade valorado en máis de 43.000 euros. A finalidade é aproveitar ao máximo o potencial turístico deste espazo natural e continuar realizando actuacións para a posta en valor do río Anllóns ao seu paso polo termo municipal.

Dito proxecto inclúe unha serie de intervencións diferenciadas para facer da área recreativa de Gabenlle un lugar aínda más atraínte para os usuarios. Unha delas ten por propósito a mellora das grellas e a cubrición das mesmas cunhas estruturas similares ás que xa existen actualmente noutros puntos da área de esparexemento.

Ademais, serán mellorados os accesos con dous puntos de actuación previstos. Por unha banda intervirase na parte sur, adecuando o camiño de entrada desde a estrada. Por outro lado, crearase unha pasarela que comunicará os dous ámbitos da área recreativa que están separados polo río. En ambos casos beneficiarase a todos os usuarios, pero especialmente ás persoas con mobilidade reducida ao crearse novos itinerarios peonís.

Estas dúas fases da obra son as que se están a executar actualmente de xeito simultáneo, tal e como comprobaron o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Turismo, Patricia Bello, nunha visita ao lugar das actuacións.