A Laracha busca axudas autonómicas e provinciais para mellorar os servizos municipais

  • Unha das axudas irá destinada á mellora da seguridade viaria no polígono industrial

A Xunta de Goberno Local da Laracha, celebrada este xoves, deu luz verde a unha serie de solicitudes de participación do Concello en diferentes convocatorias de axudas promovidas pola Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.

Con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental da Xunta, preséntanse dúas propostas: unha para a adquisición dun vehículo destinado a actuacións de protección do medio ambiente, e outra pensada na compra de soportes para instalar colectores de residuos sólidos urbanos. Ademais, o Concello tamén se presentará a unha axuda autonómica para mellorar a seguridade viaria no polígono industrial.

No relativo ás axudas da Deputación Provincial da Coruña, na Xunta de Goberno acordouse presentar varias solicitudes para a contratación dun técnico en igualdade e outro para a atención do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte.

Ademais, deuse luz verde para a adhesión do Concello ao convenio de colaboración entre a Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a cesión de información de carácter tributario de cara á concesión de axudas ou subvencións e a contratación coa administración.

Por último, autorizouse o pagamento de 36.900 euros en axudas municipais para o impulso da actividade económica. O Concello xa aboou un total de 99.900 euros en axudas a autónomos e microempresas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha