A Laracha busca crear dous novos obradoiros de emprego a través da Xunta

PIXABAY

  • Na Xunta de Goberno Local tamén se acordaron que actuacións incluír no Plan de mellora de camiños de acceso a parcelas agrícolas

O Concello da Laracha continúa apostando pola organización de obradoiros de emprego para mellorar as oportunidades laborais da súa veciñanza. Así, na Xunta de Goberno Local celebrada este xoves, acordouse presentar á Consellería de Emprego e Igualdade dous novos proxectos. Un deles sería o sétimo dual que organizaría en solitario o Concello da Laracha, que constaría de dúas especialidades: pintura industrial en construción e atención sociosanitaria a persoas en institucións sociais. O proxecto prevé a participación de vinte alumnos traballadores durante nove meses e está valorado nun total de 345.000 euros.

O outro proxecto trátase dun obradoiro de emprego xuvenil (dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos de idade que figuren no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil) que tamén constaría de dúas especialidadess: montaxe de mobles e elementos de carpintería por unha banda, e actividades auxiliares en conservación e mellora de montes por outra. Os traballos a realizar estarían centrados na posta en valor do castro de Montes Claros, a renovación do mobiliario urbano en diferentes localizacións do termo municipal e a construción dunha caseta móbil para o equipo de salvamento e socorrismo na praia de Caión. O número de alumnos traballadores sería de vinte e a duración do programa de doce meses. O orzamento supera os 552.000 euros.

Plan de mellora de camiños de acceso a parcelas agrícolas
Na Xunta de Goberno Local tamén se definiron as actuacións que o Concello incluirá no Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, impulsado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Con cargo a este programa, o Concello percibirá 61.509 para cofinanciar un amplo proxecto valorado en preto de 74.000 euros e que inclúe catro intervencións diferenciadas en vías municipais que discorren por A Ferreira (parroquias de Montemaior e Soandres), San Fins de Arriba en dirección á estrada CP-2404 (Montemaior), entre A Costa e Tuixe de Abaixo (parroquias de Cabovilaño e Lemaio) e unha última intervención que daría continuidade á anterior nunha vía de Tuixe de Abaixo. As obras proxectadas teñen por finalidade mellorar o firme e a drenaxe, facilitar a circulación e aumentar a seguridade viaria.

Este xoves tamén se autorizou o pagamento de 29.400 euros en axudas do programa municipal de subvencións destinadas a paliar os efectos da Covid-19 entre os autónomos e empresas da Laracha.