A Laracha busca potenciar a compostaxe doméstica mercando 230 composteiros

1 minutes read
  • Na Xunta de Goberno Local tamén se acordou a adhesión ao programa provincial de financiamento dos servizos sociais comunitarios

Na Xunta de Goberno Local da Laracha, celebrada este xoves, acordouse solicitar a participación do Concello na convocatoria de subvencións a entidades locais galegas -impulsada polo Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas- para o financiamento de actuacións destinadas á mellora da xestión dos biorresiduos.

A proposta do goberno larachés busca potenciar a compostaxe doméstica a través dunha achega económica para mercar 230 composteiros individuais que serían distribuídos de xeito gratuíto entre a poboación. Posteriormente realizaríanse campañas divulgativas, formativas e informativas para o seu emprego.

Na Xunta tamén se acordou a adhesión ao programa provincial de financiamento dos servizos sociais comunitarios para este 2022. Trátase de dúas liñas de axudas para cofinanciar os gastos de parte do persoal administrativo e técnico adscrito a ese departamento así como do servizo de axuda no fogar por libre concorrencia. A contía solicitada ascende a 240.000 euros.

Tamén se concederon dúas licencias urbanísticas, unha delas para a construción dunha vivenda unifamiliar.