A Laracha | Caión celebra o Día da Danza co proxecto ‘Escora’

Cedida

  • A praza Eduardo Vila Fano acollerá as actuacións de Clara Ferrao e do Colectivo Glovo, ademais dun encontro mediado por Marcia Vázquez

A vila larachesa de Caión será este domingo pola mañá un dos escenarios do proxecto Escora, posto en marcha pola Deputación da Coruña en torno á celebración do Día Internacional da Danza (29 de abril) co propósito de visibilizar o traballo artístico das compañías galegas, ademais de presentarse como un punto de encontro para as artes escénicas, a danza, o patrimonio, a lingua galega e a comunidade.

A praza Eduardo Vila Fano -en caso de choiva, o centro sociocomunitario da vila- acollerá a partir das 12:00 horas dúas actuacións de danza contemporánea: Miña Xoia, de Clara Ferrao, e Alleo, do Colectivo Glovo, que presenta por primeira vez ao público a súa nova peza. Cada unha delas terá unha duración aproximada de quince minutos. A xornada rematará cun encontro co público mediado por Marcia Vázquez.

Este será un dos seis eventos dos que consta o proxecto Escora que se van desenvolver durante esa fin de semana noutros tantos municipios da Costa da Morte, comezando o venres 22 de abril en Fisterra e Muxía, seguindo o sábado en Laxe e Camariñas e concluíndo o domingo en Caión pola mañá e, pola tarde, en Malpica.