A Laracha | Case 300 propietarios foron notificados este ano para limpar as súas parcelas

PIXABAY

  • O incumprimento desta norma pode implicar sancións administrativas e asumir os custos das intervencións subsidiarias do Concello

O 2021 está a piques de rematar, e desde o Concello da Laracha sinalan que durante este ano case 300 propietarios de parcelas, terreos, fincas e solares situados nos núcleos urbanos, zonas da periferia e áreas residenciais de parroquias rurais, foron notificados para que limpen e acondicionen os espazos de acordo á normativa vixente.

Nos requirimentos advírtese aos titulares dos terreos que o incumprimento desta norma pode implicar a apertura de expedientes sancionadores desde os 1.000 (infracción leve) ata os 100.000 euros (infracción grave), ademais de asumir o propietario das parcelas o custo das actuacións que, no caso de ser preciso, o Concello executa subsidiariamente.

En todos os casos o procedemento iniciouse co correspondente informe da Policía Local detallando os terreos desas características que non se atopaban en boas condicións de conservación. De acordo a ditos informes, o Concello realizou o envío das notificacións aos seus propietarios, requiríndolles a execución das actuacións correspondentes á maior brevidade.