A Laracha celebrará o ‘Día de Rosalía’ durante tres xornadas

1 minutes read
  • Haberá actuacións de teatro e títeres para todos os públicos

Con motivo da celebración do Día de Rosalía o próximo 23 de febreiro, o Concello da Laracha organiza un programa de actividades para todos os públicos co propósito de difundir e promover a obra da escritora galega.

O propio mércores 23 haberá unha dobre proposta. O público infantil (de 6 a 10 anos) poderá participar na xornada lúdico-didáctica Xogando con Rosalía que realizará a compañía Proyecto Bulubú no centro sociocomunitario de Caión a partir das 18:00 horas. Unha hora despois, a biblioteca municipal da Laracha acollerá o recital para adultos No bico un cantar: celebramos a Rosalía a cargo da actriz Carmen Conde.

O xoves 24, a actriz e titiriteira Larraitz Urruzola porá en escena o espectáculo infantil A viaxe de Rosalía na Casa da Cultura larachesa. Será a partir das 18:00 horas.

O programa pecharase o venres 25 co contacontos A miña historia a cargo da compañía Trémola Teatro que terá lugar no centro sociocultural de Paiosaco tamén á mesma hora.