A Laracha celebrará o próximo sábado a súa quinta Gala do Deporte

2 minutes read

A quinta edición da Gala do Deporte da Laracha celebrarase o sábado da próxima semana, día 11 de marzo, a partir das 18:00 horas nun acto no que se premiará e recoñecerá o labor e esforzo das entidades, asociacións e clubs deportivos do municipio e tamén a título individual aos deportistas laracheses máis importantes do momento.

A gala será presentada polo xornalista larachés Moncho Viña e amenizada polo cómico Oswaldo Digón.

O evento desenvolverase en tres bloques. No primeiro deles premiarase a todas as asociacións deportivas, clubs e peñas que están actualmente activas a modo de recoñecemento e agradecemento do Concello á esencial función social que realizan en beneficio da veciñanza en xeral, ademais de representar á Laracha nas diferentes competicións e eventos nos que participan.

Na segunda parte faranse mencións especial a tres entidades, en concreto ao Club Patín Conxuro (patinaxe artística), á Peña Canteras El Pozo (fútbol) e ao C.B. Laracha Ilatina (equipo infantil de baloncesto feminino).

No terceiro bloque recibirán un recoñecemento individual polo seu esforzo e dedicación os dezaseis deportistas máis destacados do municipio nas diferentes disciplinas:

  • Juan Brandariz “Chumi” (fútbol).
  • Xaquín Mira (tiro con arco).
  • Iván Montero (ciclismo adaptado).
  • Pedro Vázquez Ramil (ciclismo adaptado).
  • Laura Calvete (pádel).
  • Carmen Mallo (ciclismo).
  • Borja Díez, Noelia Loureiro, Eloy Ferreiro, Luis Negreira, Lucía Añón, Anxo López e Juan Martín Rodríguez (salvamento acuático).
  • Suso Ramos (atletismo).
  • Miguel Piñeiro (pesca).
  • Antía Cotelo (patinaxe artística).

O Concello da Laracha involucrou ao tecido asociativo e deportivo do municipio na organización desta cerimonia. De feito, os premios individuais e mencións especiais realízanse a proposta das diferentes entidades ás que se lles solicitou que propuxesen os seus candidatos.

Do mesmo xeito que en anteriores edicións, a Gala do Deporte será unha sentida homenaxe do Concello aos premiados, pero tamén servirá de altofalante para visibilizar os éxitos colectivos dos clubs e os logros individuais dos deportistas de alto nivel cos que conta o termo municipal da Laracha.