A Laracha celebrou o seu Pleno ordinario


No Pleno ordinario celebrado este venres na Casa da Cultura da Laracha a Corporación municipal acordou establecer o Martes de Entroido (16 de febreiro) e o Día dos Milagres (8 de setembro) como os festivos locais do Concello para o ano 2021. Son as datas tradicionalmente escollidas por coincidir con celebracións de especial importancia no termo municipal.

Así mesmo, aprobouse por iniciativa do grupo do Partido Popular -coa abstención do grupo do BNG e os votos en contra dos concelleiros do grupo socialista- unha moción contra a modificación do regulamento xeral de Costas en relación ás concesións nas zonas de dominio público marítimo-terrestre. O Concello instará ao Goberno central a deixar sen efecto a proposta de modificación dos prazos concesionais formulada no proxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, a desistir nos trámites de modificar as condicións da ocupación que restrinxan a duración das prórrogas extraordinarias e a que rectifique o cambio interpretativo que está a aplicar na resolución das solicitudes de prórroga.

O alcalde, José Manuel López Varela, mostrou a súa preocupación pola situación, xa que podería ocasionar graves prexuízos a máis dun cento de empresas e outras actividades do complexo mar-industria, así como a milleiros de edificacións galegas asentadas no litoral.

Como en todas as sesións ordinarias, o Pleno comezara gardando un minuto de silencio en sinal de respecto ás vítimas da violencia de xénero e tamén dando conta das resolucións de Alcaldía ditaminadas desde a sesión anterior.