- O Concello presentou un anteproxecto para a humanización da vía valorado en 1,3 millóns de euros
José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, e Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña, mantiveron este martes unha reunión de traballo na Casa do Concello para estudar as posibilidades de transformación da Avenida Doutor López Astray, o tramo urbano da estrada provincial DP-1913 ao seu paso pola capital municipal.
O rexedor presentou un anteproxecto para a humanización da vía valorado en 1,3 millóns de euros. Con esta intervención preténdese crear «un lugar máis accesible e habitable para a cidadanía larachesa», destaca López Varela.
A idea do Concello é converter a Avenida López Astray nunha vía de sentido único, con estacionamento a ambas marxes e zona peonil. A intervención abarcaría unha lonxitude de 545 metros –entre os puntos de confluencia coa Avenida Fisterra e a rúa Santiago- e unha anchura media duns 12 metros.
O alcalde tamén avanzou que, no caso de que a Deputación executase estas intervencións, e unha vez transformada a avenida Doutor López Astray, o Concello solicitaría a cesión da titularidade da vía.