- O investimento alcanzará os 132.000 euros
O Concello da Laracha ten previsto aprobar na próxima reunión da Xunta de Goberno Local o acordo de cooperación entre o Concello e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia para o financiamento do proxecto de humanización das rúas Xosé Loureiro González, Xosé Neira Vilas, Álvaro Cunqueiro e dun sector viario pertencente ao campo da feira de Paiosaco.
O propósito da intervención é crear un entorno urbano que sexa «máis amable cos peóns, dotándoos de espazos cómodos e seguros que conviden ao paseo e elevando o nivel dos equipamentos e servizos actuais», sinalan desde o Concello.
O proxecto prevé o establecemento do sentido único de circulación en todas esas rúas, como xa acontece na de Álvaro Cunqueiro, para gañar un espazo que permitirá ampliar as beirarrúas coa creación dun novo tramo e facelas así máis accesibles. Tamén será instalado mobiliario urbano, habilitaranse espazos de aparcamento e será mellorada e aumentada a rede de recollida de pluviais.
O investimento alcanzará os 132.000 euros, dos cales o Concello asumirá o 30 % e a Consellería o 70 % con fondos do plan HURBE.