A Laracha concorre á convocatoria de axudas para o servizo de atención temperá


A través desta liña de axudas o Concello pretende continuar cofinanciando ata finais do ano 2024 este servizo que está en marcha na actualidade. Consiste nun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil (0 a 6 anos), á súa familia e ao seu contorno, que ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que poidan presentar os nenos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos. A clave é poder detectar esas dificultades o antes posible para obter os mellores resultados da atención profesional e que redunden nun máis óptimo proceso evolutivo do cativo.

O programa de atención temperá da Laracha conta con catro profesionais (logopeda, terapeuta ocupacional, psicólogo e fisioterapeuta) e préstase nas instalacións do edificio de servizos múltiples. No momento actual son 43 os usuarios, dos cales 30 son nenos e 13 son nenas.