Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada este mércores no Concello da Laracha acordouse concorrer ao Programa de Emprego Local (PEL Concellos) da Deputación da Coruña co propósito de fomentar o emprego por medio da contratación de persoal para a prestación de servizos municipais de interese xeral.
A pretensión do Concello é crear unha cuadrilla de obras e servizos por un período de cinco meses para a realización de traballos como a instalación de sinalización viaria, reparación de beirarrúas e sumidoiros, mantemento de espazos públicos, conservación medioambiental, apoio loxístico aos servizos municipais, etc.
Estaría formada por un total de sete efectivos (tres homes e catro mulleres), en concreto catro peóns, un capataz e dúas persoas para servizos xerais.