- A contratación de persoal sería a través dos programas Aprol Rural e perceptores da Risga
Na Xunta de Goberno Local da Laracha celebrada este xoves acordáronse varios puntos, entre eles incluír o proxecto de mellora das estradas nos núcleos de O Raño e O Xestal (ambos na parroquia de Montemaior) no Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023, impulsado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).
A actuación afecta a 1,7 quilómetros de estradas que lindan directamente ou dan acceso a un importante número de parcelas agrícolas así como a unha instalación agrogandeira. A intervención ten un dobre propósito: mellorar a superficie de rodadura do firme e a drenaxe para aumentar a seguridade viaria.
O proxecto está valorado en 94.300 euros, dos que 78.456 euros corresponden ás axudas autonómicas e o resto será financiado con fondos municipais.
Fomento do Emprego
O Concello pretende participar en dúas convocatorias da Consellería de Emprego e Igualdade para a contratación de persoal. Unha delas é o programa de fomento do emprego no rural (Aprol Rural) a través do que se incorporarían peóns para formar unha cuadrilla para servizos de mantemento e valorización de zonas verdes. A outra liña de axudas é para a contratación de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga) para servizos xerais municipais.
En ambos casos a duración dos contratos sería por un período de nove meses.
Parque empresarial
O Concello presentará á Consellería de Economía, Empresa e Innovación un proxecto para aumentar a seguridade viaria nos accesos ao polígono industrial ao abeiro da convocatoria de axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas destas instalacións.
A actuación local ten un orzamento próximo aos 50.000 euros e inclúe o repintado das marcas viarias, rotondas e prazas de estacionamento de vehículos, así como a colocación de novas sinais verticais.
Fondo de compensación ambiental
O Concello quere concorrer a dúas liñas de subvencións do Fondo de Compensación Ambiental convocadas pola Xunta. Unha das axudas irá destinada á adquisición de colectores verdes (fracción resto) para novos puntos de recollida de residuos sólidos urbanos. Á segunda liña preséntase un proxecto dirixido a mellorar o servizo de saneamento en A Braña Grande (parroquia de Cabovilaño) por medio da súa ampliación e a instalación dunha rede de impulsión. A intervención está valorada en preto de 50.000 euros.
Outros asuntos
Tamén se acordou renovar a adhesión do Concello ao convenio entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a coordinación de actuacións no desenvolvemento do programa galego de vixilancia e control fronte a avespa velutina.
Ademais, concedéronse dúas licencias urbanísticas, unha delas para a construción dunha nova vivenda unifamiliar no lugar de O Pereiro (parroquia de Vilaño).