- Na Xunta de Goberno Local tamén se acordou aprobar o proxecto de expropiación dos terreos afectados pola construción do novo depósito de auga
O Concello da Laracha celebrou este xoves unha Xunta de Goberno Local ordinaria para concorrer á convocatoria de subvencións da Consellería de Política Social para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá. Este servizo está formado por un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil (0 a 6 anos), á súa familia e ao seu contorno, que ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que poidan presentar os nenos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos.
Na actualidade o programa conta con 26 usuarios e a pretensión do Concello é poder contar con catro profesionais (logopeda, terapeuta ocupacional, psicólogo e fisioterapeuta) para reforzar, ampliar e mellorar este programa.
Por outra banda, tamén se acordou aprobar, con carácter inicial, o proxecto de expropiación dos terreos afectados pola construción dun novo depósito de auga que servirá de soporte á rede de abastecemento. Trátase dunha única parcela de 4.158 metros cadrados de superficie, situada no lugar das Camposas (parroquia de Golmar) e cualificada no Plan Xeral de Ordenación Municipal como solo rústico de especial protección de montes. O Concello investirá na súa adquisición 7.241,85 euros.