A Laracha | Concurso de fotografía para conmemorar o ‘Día Internacional das Mulleres Rurais’

1 minutes read
  • Tamén haberá unha charla sobre o emprendemento das mulleres no rural o xoves 14 de outubro

Con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais, que se celebrará este venres 15, o Concello da Laracha organiza un concurso de fotografía co mesmo nome no que se repartirán premios por valor de 700 euros para gastar nos establecementos locais. O obxecto do certame é reflectir nas imaxes «as particularidades das mulleres rurais presentes e pasadas da Laracha, poñer en valor o papel e o traballo desempeñado polas mesmas e a súa contribución ao desenvolvemento local», sinalan desde o Executivo local.

O concurso está aberto a calquera persoa que resida no municipio, independentemente da súa idade ou nacionalidade. Haberá dúas categorías: Mulleres rurais do presente e Mulleres rurais do pasado. Os participantes deberán presentar os seus traballos cunha breve descrición no Concello ou envialos a través dun formulario que estará dispoñible na web municipal. O prazo finaliza o 25 de outubro.

Outorgaranse tres premios ás tres fotografías de cada categoría que obteñan máis “me gusta” no Facebook municipal desde o día 26 de outubro ata o 1 de novembro ás 10:00 horas. Os vales para gastar nos comercios laracheses terán un valor de 200, 100 e 50 euros.

«O emprendemento no rural: mulleres que inspiran»
Para completar a programación polo Día internacional das Mulleres Rurais, o próximo 14 de outubro realizarase unha charla sobre emprendemento de mulleres no medio rural. Será a cargo da presidenta da Federación Galega de Mulleres Rurais (Fademur), Verónica Marcos Arrojo, que abordará a situación actual destas mulleres presentando casos concretos de superación.

A charla impartirase no Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte (Museo dos Muíños de Golmar) ás 17:00 horas.