A Laracha conmemora as Letras Galegas cun completo programa, infantil e familiar


O 17 de maio celebrarase o Día das Letras Galegas, que este ano vai dedicado a homenaxear a figura da lucense Xela Arias. En torno a esa data o Concello da Laracha desenvolverá unha programación municipal dirixida ao público infantil e familiar.

A iniciativa máis novidosa será o concurso de marcapáxinas no que se convida a participar a todos os nenos de idades comprendidas entre os seis e os doce anos. As elaboracións deben ser dun tamaño de vinte centímetros de alto e seis centímetros de ancho e, preferentemente, feitas en cartolina. Poden presentarse ata o 14 de maio en calquera das bibliotecas municipais (A Laracha, Paiosaco e Caión). Están establecidas dúas categorías de premios, sendo a primeira para o alumnado de 1º, 2º e 3º de primaria, e a segunda, para os de 4º, 5º e 6º de primaria. En cada categoría haberá dous premios compostos por lotes de libros ou material didáctico e educativo adaptado aos grupos de idade. Ademais, os dous traballos de cada categoría mellor valorados polo xurado serán editados polo Concello e distribuídos como os marcapáxinas oficiais da rede de bibliotecas municipais.

Os espectáculos infantís tamén terán unha ampla presenza no programa municipal das Letras Galegas. O venres 14 de maio será o primeiro no CEIP de Caión a partir das 17:00 horas con Xeliña fala galego, un contacontos a cargo de Caxoto e dirixido a nenos a partir dos seis anos de idade.

O domingo 16 desde as 12:00 horas no baixo da biblioteca municipal da Laracha ofrécese o contacontos para bebés (desde os seis meses e ata os catro anos) Brilla brilla, de Trémola Teatro.

O propio día das Letras Galegas, 17 de maio, a Casa da Cultura acollerá a partir das 18:00 horas a peza teatral Rosalía de Culturactiva e centrada na infancia da poeta. Vai dirixida ao público infantil e familiar.

O programa pecharase o martes 18 pola tarde, desde as 17:30 horas, cun obradoiro de narración oral para nenos de 3 a 12 anos de idade a cargo de Carmen Conde.

En todos os eventos as condicións de acceso estarán suxeitas ás medidas sanitarias e sociais que establezan ao respecto as autoridades sanitarias.