A Laracha conmemorará o sábado 21 o ‘Día de Rosalía’ cun espectáculo para o público infantil e familiar

1 minutes read

Rosalía de Castro, a que é unha das figuras máis importantes da literatura galega, naceu o 23 de febreiro de 1837 en Santiago de Compostela. O Concello da Laracha conmemora cada ano esa data cos propósitos de poñer en valor a obra da autora compostelá e divulgar o seu legado.

O Día de Rosalía deste ano celebrarase o sábado da semana que vén, día 21 de febreiro, a partir das 17:30 horas cun espectáculo teatral dirixido ao público infantil e familiar que se porá en escena na Casa da Cultura da Laracha. Dende Rosalía, de A Xanela do Maxín, é unha viaxe imaxinaria na que o público emprende un percorrido pola historia literaria de Galicia da man das súas grandes creadoras, comezando por Rosalía de Castro como símbolo de valentía, liberdade e amor pola terra, ata outras figuras como Francisca Herrera, María Mariño, María Victoria Moreno, Xela Arias e Luísa Villalta, descubrindo en cada parada vidas rebeldes, obras luminosas e voces que abriron camiño.

O espectáculo é unha combinación de teatro, poesía, música e pequenas sorpresas escénicas. Hologramas e personaxes fantásticos conviven para mostrar que estas mulleres non só fixeron historia, senón que continúan inspirando ás xeracións máis novas. A obra é unha celebración da lingua galega, da creatividade e da forza das mulleres que a mantiveron viva, desde as escritoras máis coñecidas ata as cantareiras anónimas que transmitiron cultura de xeración en xeración.

Un espectáculo dinámico, entrañable e participativo, que remata en festa e lembra que cada nena e cada neno levan dentro un anaco de Rosalía e de todas aquelas mulleres que soñaron un mundo máis libre.

A entrada para o público que desexe asistir a Dende Rosalía será libre e gratuíta.