A Laracha consensúa as actividades a realizar en torno ao 25N

2 minutes read

A mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino celebrou unha nova sesión no Salón de Plenos que estivo copresidida por Rocío López, edil responsable da área de Igualdade, e Ana Aldao, directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM), e contou coa presenza de representantes dos catro centros de ensino do termo municipal, do centro de saúde da Laracha, da Garda Civil e da Policía Local.

Entre os asuntos tratados destacan os contidos das accións a levar a cabo tanto nos colexios como no instituto no marco do programa municipal de actividades en torno ao 25 de novembro, o Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, que por terceiro ano consecutivo terá por lema ‘A Laracha unida fronte ás violencias machistas’. Ademais dos habituais obradoiros coordinados desde o CIM, expúxose a posibilidade de realizar un evento conxunto en torno a esa data. Desde o IES Agra de Leborís solicitouse levar a cabo un obradoiro de prevención da violencia sexual. E todos os centros mostraron o seu interese por continuar o programa municipal ‘Murais pola igualdade’.

Noutra orde de asuntos, tamén se acordou realizar accións formativas de diferentes temáticas cos profesionais presentes e representados nesta mesa de coordinación. Así, os médicos e enfermeiras do centro de saúde da Laracha recibirán formación en materia xurídica ante a detección de posibles casos de violencia de xénero, e tamén en relación aos servizos municipais que están a disposición da cidadanía para que, de ser o caso, poidan ofrecer información ao respecto aos pacientes. Pola súa parte, o profesorado dos centros de ensino será formado en primeiros auxilios para poder actuar de urxencia ante situacións de asfixia ou que requiran a reanimación cardiopulmonar. Dita información será trasladada, posteriormente, ao alumnado por parte dos propios mestres.

Unha vez máis, o Concello agradeceu a todos os sectores profesionais representados nesta mesa de traballo -tamén na de coordinación policial que se reunirá a semana que vén- pola súa total disposición para cooperar xuntos na loita contra a violencia de xénero.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?