- A derivación dos usuarios será a través dos servizos sociais municipais
O servizo de atención temperá arranca este mércores no concello da Laracha. O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, acompañados por persoal técnico municipal, reuníronse este martes con representantes da empresa que prestará o servizo.
A atención temperá consiste nun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil (0 a 6 anos), e á súa familia, que teñen por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos con trastornos no desenvolvemento, ou en risco de padecelos, para facilitar a súa autonomía persoal e inclusión social.
Grazas a este programa, subvencionado pola Consellería de Política Social a través do Fondo Social Europeo, o Concello contará cunha logopeda, unha psicopedagoga e unha mestra de educación especial. A clave é poder detectar esas dificultades canto antes para obter os mellores resultados da atención profesional.
A derivación dos nenos ao servizo de atención temperá será a través dos servizos sociais municipais, aos que debe acudir a familia se sospeita que pode presentar un trastorno do desenvolvemento. Pódese solicitar cita previa chamando ao 981612811.