A Laracha contará cun sistema de produción de enerxía fotovoltaica para uso municipal

2 minutes read

O Instituto Enerxético de Galicia vén de comunicar ao Concello a concesión dunha axuda para o cofinanciamento do proxecto de instalación dun sistema de produción de enerxía fotovoltaica ao abeiro da convocatoria de subvencións para programas vinculados ao autoconsumo eléctrico e ao almacenamento no sector das administracións públicas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia Europeo.

A iniciativa impulsada desde o Concello consiste na colocación de paneis cunha potencia total de 99 Kw sobre a cuberta do pavillón polideportivo Municipal da Laracha para abastecer varios edificios municipais na modalidade de autoconsumo colectivo con compensación de excedentes. O lugar escollido considérase o máis idóneo porque permite aproveitar a pendente existente, pola orientación sur e por minimizar o impacto visual dos paneis. Ademais, o proxecto inclúe acometer melloras na propia cuberta desa infraestrutura deportiva.

Este sistema fotovoltaico considérase especialmente favorable para a configuración dos consumos dos edificios municipais, que está concentrado nas horas centrais do día coincidindo coa franxa de maior produción eléctrica. En concreto, as instalacións que se contempla abastecer son a Casa do Concello, o edificio de servizos múltiples, o edificio administrativo, a biblioteca da Laracha, a escola infantil ‘A Galiña Azul’ e a Casa da Cultura.

Segundo os estudos realizados polo Concello, o autoconsumo con respecto ás cifras actuais sería do 56,7 %, o que implicaría tanto a redución de máis da metade das emisións de CO2 como da factura eléctrica nas citadas instalacións. O orzamento alcanza os 200.000 euros, sendo a axuda do Inega de 86.625 euros e financiándose a parte restante con fondos municipais. O Concello xa ten encargada a redacción do proxecto e a pretensión é levar a cabo a actuación durante o ano 2024, reservando nos orzamentos municipais para o próximo exercicio a correspondente partida económica.

Paralelamente, o Concello, na súa aposta polo emprego de enerxías renovables e respectuosas co medio ambiente, está a estudar a posibilidade de desenvolver un proxecto de similares características que posibilite o autoconsumo eléctrico no complexo deportivo da piscina municipal da Laracha.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?