A Laracha continúa informando sobre a recollida selectiva

Imaxe de archivo do posto informativo de 'Ti tes a chave'_Concello da Laracha

Nesta semana comezou a funcionar o novo colector marrón de orgánicos nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión e tamén na urbanización Monte Claro.

É por iso que se están a intensificar as campañas informativas para que toda a cidadanía coñeza esta iniciativa e se sume ao voluntariado marrón a través do programa Ti tes a chave. A resposta da veciñanza está sendo moi boa e na próxima semana continuaranse realizando actos para chegar a todos os públicos.

O stand informativo estará o mércores en Paiosaco, o xoves en Caión e o venres fronte ao centro médico da Laracha, en todos os casos en horario de 10:30 a 13:00 horas. Acudindo a el calquera veciño dos núcleos urbanos ou da urbanización Monte Claro pode darse de alta e inmediatamente recibirá o seu kit de voluntariado marrón, formado por un cubo ventilado de dez litros de volume, bolsas compostables e unha chave coa que abrir os colectores da quinta fracción. Tamén existe a posibilidade de anotarse cubrindo o formulario na web municipal (www.alaracha.gal) e que os puntos de recollida dos kits están operativos na Casa do Concello, edificio administrativo e edificio de servizos múltiples (A Laracha), así como nos centros sociais de Caión e de Paiosaco.

A Laracha é o primeiro municipio galego que pon en funcionamento a quinta fracción da recollida selectiva coa colaboración de Sogama. A finalidade é reducir a cantidade de lixo que se deposita nos colectores xenéricos e poder recuperar os residuos orgánicos converténdoos en compost de calidade.

Cabe lembrar que ás persoas que residen no rural se lles ofrece a posibilidade de participar no programa de compostaxe, tamén impulsado coa colaboración de Sogama.