A Laracha | Convocados os concursos de postais e contos de Nadal

1 minutes read

O Concello convida a participar ao alumnado de educación infantil e primaria dos colexios do municipio co obxectivo esencial de espertar entre os nenos o espírito do Nadal e estimular a súa creatividade nestas datas.

O concurso de postais contará con tres categorías de premios adaptados a cada grupo de idade e con tres galardóns contemplados en cada unha delas. A categoría A é a de educación infantil (4º, 5º e 6º) e os premios terán carácter colectivo ao valorarse o traballo en conxunto por aulas. Nas categorías B (1º e 2º de primaria) e C (3º e 4º de primaria) os premios serán individuais. As bases estipulan que o formato dos traballos é libre, pero cun formato non superior ao tamaño A4.

O concurso de contos vai dirixido ao alumnado de 5º e 6º de primaria e está contemplado outorgar tres premios aos traballos que obteñan unha maior valoración.

En ambos certames a data límite para que desde os colexios se presenten no Concello as postais e os contos participantes será o xoves 17 de decembro. O día seguinte, o venres 18, reunirase a partir das 11:00 horas na biblioteca municipal da Laracha o xurado, que será nomeado pola Concellería de Cultura e contará con representantes dos CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión.

O Concello publicará a listaxe de galardoados a través da web municipal (www.alaracha.gal) e porase en contacto individualmente con eles para indicarlles a data e lugar no que recoller os seus premios, compostos por xogos infantís, libros e material educativo adaptado a cada grupo de idade.