A Laracha | Cortada por obras a estrada entre Gabenlle e a DP-2404 por A Fonte da Canle

1 minutes read

O Concello da Laracha está a executar o proxecto de mellora da rede de abastecemento de auga na parte alta das parroquias de Vilaño e Golmar co propósito de reforzar o caudal no ramal que dá subministro aos núcleos de poboación da Viña, As Brañas da Viña, Marfulo, O Igrexario de Golmar e O Ramallal.

A actuación, valorada en 45.000 euros, consiste na ampliación da rede coa instalación duns 1.500 metros de novas tubaxes que recibirán subministro directo por bombeo desde a estación potabilizadora (ETAP) de Gabenlle.

Precisamente durante a execución dos traballos de instalación soterrada das novas tubaxes será preciso efectuar o corte temporal ao tráfico da estrada que comunica Gabenlle coa vía provincial DP-2404 por A Fonte da Canle. A partir do luns e ata que rematen as obras –que se prevé se prolonguen durante toda a semana- non se permitirá a circulación por esta vía durante o horario laboral (entre as 8:00 e as 19:00 horas).